A Federación Galega de Montañismo (FGM) convoca por quinto ano os PREMIOS DO ALPINISMO GALEGO, co obxectivo de recoñecer e valorar as actividades feitas durante este período, iniciativas cunha especial singularidade e/ou relevancia, ou simplemente por calquera circunstancia que contribúa a salientar ou promocionar as actividades relacionadas coa montaña.

Tamén se valorará unha traxectoria deportiva. O período de realización de actividades vai desde os anteriores premios 2022 ata a concesión dos actuais de 2025, concederanse 3 categorías:

  • MELLOR ACTIVIDADE (período sinalado: desde maio de 2022 ata a actualidade)
  • MELLOR TRAXECTORIA (pode ser traxectoria xuvenil ou a toda unha vida)
  • MELLOR PROMOCIÓN (actividades de difusión e promoción do alpinismo)

Estes Vº Premios do Alpinismo Galego, alén dun recoñecemento público, queren pór en valor as actividades que realizan os deportistas e as deportistas galegas neste ámbito, establecer puntos de encontro do alpinismo e visibilizar este deporte, que transgrede o espazo competitivo tradicional, para adentrarse nun contorno máis particularizado onde o salientable é a extraordinaria natureza destas xestas e o mérito deportivo de alto nivel como reto persoal e humano. A aventura non se pode cuantificar pero podemos comprender a súa excelencia igualmente.

CARACTERÍSTICAS XERAIS:

Quen pode presentarse como candidato/a: calquera que considere que é merecedor/a dunha destas distincións (sexa individuo, colectivo, ou empresa) pode ser candidato e presentarse por si mesmo. Tamén poden ser presentados/as por amigos/as, Clubs, empresas ou outros colectivos que así o consideren, sen ningún compromiso, simplemente o xurado valorará a súa suxestión.

Período e prazo de presentación: A periodicidade anual veuse afectada por outros condicionantes, nesta edición, no espazo que vai desde os premios 2022 (maio) ata a fin do prazo de presentación, que se estenderá desde a publicación desta convocatoria ata o 30 de xaneiro de 2025, día no que remata o prazo para propoñer candidaturas.

Premios: O único premio dotado dun agasallo económico será o de MELLOR ACTIVIDADE, e estará dotado cunha bolsa de 900 euros. Todos os premios constitúen basicamente un recoñecemento federativo a estas actividades non competitivas. O xurado pode considerar deixar algún premio deserto.

Xurado: Os premios serán concedidos por un xurado plural, expertos/as en varios ámbitos do alpinismo, cunha traxectoria deportiva contrastada e, en xeral, alleos á directiva da FGM. O número de persoas que formarán o xurado será de 5, que chegarán a un acordo, na medida do posible, ou votarán en caso de discrepancia. Calquera membro do xurado que fose proposto para algún premio ausentarase das deliberacións e/ou votacións da categoría á fose presentado/a. Un dos membros do xurado, nomeado polo propio xurado, será o Coordinador e, xunto con alguén da Vogalía de Alpinismo da FGM -que non terá nin voz nin voto-, supervisarán a admisión de actividades e as propostas de premios nunha aplicación informática, alén de aclarar as dúbidas, en caso de xurdir, sobre este regulamento.

Como enviar as candidaturas: Enviar a proposta ao correo electrónico alpinismo@fedgalmon.gal cos datos que se indican na convoctoria.

Descarga e le a información ampliada na convocatoria adxunta:

A participación na presente convocatoria supón coñecer e aceptar integramente as bases reguladoras da mesma. 


Descubre máis desde Federación Galega de Montañismo

Subscríbete para recibir as últimas entradas no teu correo electrónico.

Federación Galega de Montañismo
Resumen de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase na túa navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo a comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.

Maís info sobre a nosa Política de Privacidade