Comunicado do director do programa de tecnificación de carreiras por montaña, D Estivel Martínez.

 

Estimados/ as deportistas,

O meu nome é Estivel Martínez, técnico da Federación Galega de Montañismo (FGM) e actual Director do Programa de Tecnificación en Carreiras por Montaña.

¿Que é isto da tecnificación? Resumindo, poderiamos definilo como un proceso que engloba dende a detección máis temperá de deportistas con talento ata a súa saída ao mundo da elite. O que pretendemos dende a FGM é iniciar un proxecto que teña como prioridade o traballo cos mozos e mozas, co obxectivo de crear unha base que nos sirva para dar forma e consistencia aos nosos equipos en carreiras por montaña.

Por esta mesma razón, e dado que por mor da pandemia durante o ano 2020 non tivemos a posibilidade de levar a cabo o calendario de actividades que tiñamos previsto, pecharemos a tempada cunha Xornada de Detección de Talento que se celebrará en Vigo a fin de semana do 26-27 de decembro, e que servirá de punto de partida para o programa do 2021.

A xornada vai dirixida a mozas e mozos con idades comprendidas entre os 13 e os 17 anos, co único requisito de ter licenza federativa en vigor e ganas de formar parte dun proxecto que arrinca coa seguridade de chegar a converterse nun referente. Constará dunha charla, na que presentarei o plan de traballo a partir de agora, e a realización dunha serie de actividades enfocadas a coñecer e valorar ás persoas participantes.

É moi importante que os clubs interesados en presentar candidatos/as se poñan en contacto con nos antes do 22 de decembro de 2020, enviando un correo electrónico a directortecnico@fedgalmon.gal. Nos vindeiros días notificaremos os datos de localización e horarios da actividade.

Atentamente,
Estivel Martínez
Director do Programa de Tecnificación en Carreiras por Montaña

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.