O sábado 6 de maio tivo lugar a actividade de sendeirismo interpretativo “Sendeirismo e Osos con Futuro”, organizada pola Federación Galega de Montañismo en colaboración ca Fundación Oso Pardo. A motivación desta actividade está no marco do Proxecto LIFE Osos con Futuro, que se desenvolve en zonas con presenza de oso pardo e con colectivos usuarios desas zonas para prever os posibles conflitos derivados dos encontros con este marabilloso animal.
O día comezou con choivas intermitentes, que remitiron durante o café de presentación no Acampamento do Caurel. Aproveitamos entón para desprazarnos ata Zanfoga no inicio da ruta pola Reserva Natural Fluvial do río Lor. Un río que soaba cheo de vida envolto por fermosas paisaxes de bosques apenas alterados polo home, acompañáronnos durante toda a ruta.
A xornada transcorreu de xeito agradable para todos os asistentes, incluso para os máis pequenos que desfrutaron fotografiando os pequenos tesouros que nos fomos atopando na ruta. Aprendemos sobre a bioloxía e os costumes do oso pardo, que estase a recuperar pouco a pouco ocupando zonas nas que habitaba historicamente, coma a montaña oriental galega.
Ao remate da xornada xa de volta no Caurel os 25 asistentes confraternizamos cun pincho.
Dende a FGM agradecemos a atención e as explicacións dos dous guías da Fundación Oso Pardo, e a marabillosa acollida desta xornada por parte de todolos asistentes que sen dúbida nos anima a organizar máis actividades deste tipo.
Con esta actividade a FGM participou na Semana de Senderismo FEDME 2023, optando ao premio á mellor actividade medioambiental.