O Alpinismo é a máis antigua e completa das modalidades deportivas de montaña, defínese como a acción de subir montañas, un afán de superación que responde ao impulso persoal de cada deportista, polo efímero pracer de acadar un cumio e facer honra ao título de Conquistadores do inútil. Unha actividade que transgrede o deportivo para encherse de sentido a través de valores humanos e, no entanto, nútrese con enormes xestas deportivas. Galicia conta con montañeiros/as que desenvolven as súas actividades en macizos de todo o mundo, porén esta terra non é agraciada en montañas e cómpre encherse de motivación, e recursos, para facer actividade de alta montaña, principalmente cando se está empezando, alén de que falamos dun deporte complexo en si mesmo porque engloba a maior parte das especialidades… tratamos coa actividade que agrupa todas as facetas da montaña e a escalada, así como a maior parte dos seus valores orixinais.
A necesidade de promoción do deporte do alpinismo en Galicia é unha realidade, alén dos esforzos de organismos e persoas, a nosa xeografía afastada da alta montaña supoñen unha barreira que só solventaremos con moita motivación, esforzo e tenacidade. Porén, coñecendo estas dificultades, a FGM proponse desenvolver un programa modesto mais ambicioso, cun planeamento transversal, onde todas as medidas se complementen na procura duns obxectivos xerais: potenciar o alpinismo de base e entrar na liga do alpinismo de alto rendemento. Con estes obxectivos e as varas das que dispoñemos temos que ser modestos nas iniciativas, medir as nosas posibilidades sabendo que moitas cousas están por desenvolver e iso leva tempo e esforzo, acertos, erros… mais tamén cómpre sen ambicioso noutras, pois non debemos renunciar a situar o alpinismo galego no mapa das montañas do mundo. Neste sentido traballamos para abranguer tres tipos de postas en escena que verbalizan de forma xeral en: Difundir, Asentar e Tecnificar





Difundir é o que nos toca cada día, facer visible o noso deporte nesta sociedade atlántica, falando cos clubes e establecendo actividades e pautas para que quen queira poida participar. Esta Vogalía está ao servizo do posible, aberta ás inquedanzas e propostas de toda a comunidade montañeira porque esa é a mellor forma que coñecemos de difusión dun deporte: a visibilidade e a colaboración.
- Achegar a Vogalía aos clubes de montaña todo o posible.
- Promoción das actividades que se desenvolven desde diferentes ámbitos.
- Recoñecemento ao traballo e actividades dos nosos federados/as e clubes.
- Apoio e visibilidade ás actividades de alto nivel.
- Fórmulas de colaboración nas actividades e promoción das mesmas.
- Difusión do Programa de Tecnificación de Novos/as Alpinistas Galegos/as
- …
Asentar significa afirmar o que temos. O alpinismo é un deporte onde participa a a aventura e a incerteza por definición, e certa rebeldía… as normativas non forman parte deste deporte onde o espazo é cambiante e as estratexias mudan sobre o terreo, porén esta é a razón pola que é un deporte solidario, con valores e éticas universais e ao tempo propios da disciplina. Neste deporte os deportistas non compiten entre eles, a competición é coa a montaña e as súas dificultades, por iso cómpre manter os valores porque as regras non son escritas, por iso cremos que é importante a conciencia de grupo, é a forma de crear sinerxias positivas que se retroalimenten desde o punto de vista deportivo, para o que facemos a seguintes propostas:
- Xuntanza Anual de Alpinismo da FGM: unha xuntanza cada dous anos, en lugares escollidos, onde poder realizar actividade, participar en charlas, proxeccións, talleres… onde teñamos un espazo de comunicación entre nós, distendido e motivante, o lugar onde nos encontremos e vexamos o que se está facendo no alpinismo actual.
- Proposta de Premios Anuais do Alpinismo Galego: Desenvolvidos durante a Xuntanza de Alpinismo ou como un recoñecemento nunha Gala Anual da FGM. establécense como un necesario recoñecemento a unha xesta deportiva, a un traballo ben feito ou a unha traxectoria salientable.
Tecnificar é o que nos vai levar máis aló da formación. A EGAM está desenvolvendo un programa formativo importantísimo, que inflúe en todos os ámbitos deste deporte, desde o Campamento Infantil ata os múltiples Cursos que se dan ao longo do ano. Ese enorme esforzo, se falamos de alpinismo e esquí de montaña, quedaría varado se non se complementara cos Programas de Tecnificación que actualmente seguen a maioría das federacións autonómicas, por iso estamos a desenvolver o Programa de Tecnificación de Novos/as Alpinistas Galegos/as, para pór a nosa atención tamén nos deportistas máis novos e no alpinismo de alto rendemento:
Establecendo uns obxectivos xerais para o Equipo de Novos/as Alpinistas Galegos/as (ENAG), fundamentados no deporte con valores, na seguridade, no rendemento e mellora técnica, na promoción do alpinismo feminino e na preparación para o acceso ao Plan Nacional de Tecnificación da FEDME. Creando un Equipo Coordinador, alén de contar con outros Técnicos Especialistas.- Establecendo un Programa de Tecnificación Deportiva cunha duración mínima de 2 anos e situando os alicerces para comezar a traballar con rapaces/as de idade máis temperá, preparando as bases para a formación e a tecnificación desde a adolescencia.
- Establecer uns criterios técnicos para a selección dos deportistas.
- Establecer un calendario de actividades: formativas e prácticas, alén de encontros de maior duración para realizar actividades de tecnificación avanzada.
- Establecer un orzamento xeral, que permaneza no tempo e se defina pola continuidade, así como un plan de finanzamento e de xestión de recursos.