ALPINISMO

O Alpinismo é a máis antigua e completa das modalidades deportivas de montaña. Defínese como a acción de subir montañas, un afán de superación que responde ao impulso persoal de cada deportista, polo efímero pracer de acadar un cumio e facer honra ao título de “Conquistadores do inútil”.

Unha actividade que transgrede o deportivo para encherse de sentido a través de valores humanos e, no entanto, nútrese con enormes xestas deportivas. Galicia conta con montañeiros/as que desenvolven as súas actividades en macizos de todo o mundo, porén esta terra non é agraciada en montañas e cómpre encherse de motivación, e recursos, para facer actividade de alta montaña, principalmente cando se está empezando, alén de que falamos dun deporte complexo en si mesmo porque engloba a maior parte das especialidades… tratamos coa actividade que agrupa todas as facetas da montaña e a escalada, así como a maior parte dos seus valores orixinais.

A necesidade de promoción do deporte do alpinismo en Galicia é unha realidade, alén dos esforzos de organismos e persoas, a nosa xeografía afastada da alta montaña supón unha barreira que só solventaremos con moita motivación, esforzo e tenacidade. Porén, coñecendo estas dificultades, a FGM proponse desenvolver un programa modesto mais ambicioso, cun planeamento transversal, onde todas as medidas se complementen na procura duns obxectivos xerais: potenciar o alpinismo de base e entrar na liga do alpinismo de alto rendemento.

Con estes obxectivos e as varas das que dispoñemos temos que ser modestos nas iniciativas, medir as nosas posibilidades sabendo que moitas cousas están por desenvolver e iso leva tempo e esforzo, acertos, erros… mais tamén cómpre sen ambicioso noutras, pois non debemos renunciar a situar o alpinismo galego no mapa das montañas do mundo. Neste sentido traballamos para abranguer tres tipos de postas en escena que verbalizan de forma xeral en: Difundir, Asentar e Tecnificar

DIFUNDIR é o que nos toca cada día, facer visible o noso deporte nesta sociedade atlántica, falando cos clubes e establecendo actividades e pautas para que quen queira poida participar. Esta Vogalía está ao servizo do posible, aberta ás inquedanzas e propostas de toda a comunidade montañeira porque esa é a mellor forma que coñecemos de difusión dun deporte: a visibilidade e a colaboración.

  • Achegar a Vogalía aos clubes de montaña todo o posible.
  • Promoción das actividades que se desenvolven desde diferentes ámbitos.
  • Recoñecemento ao traballo e actividades dos nosos federados/as e clubes.
  • Apoio e visibilidade ás actividades de alto nivel.
  • Fórmulas de colaboración nas actividades e promoción das mesmas.
  • Difusión do Programa de Tecnificación de Novos/as Alpinistas Galegos/as
  •  …

ASENTAR significa afirmar o que temos. O alpinismo é un deporte onde participa a a aventura e a incerteza por definición, e certa rebeldía… as normativas non forman parte deste deporte onde o espazo é cambiante e as estratexias mudan sobre o terreo, porén esta é a razón pola que é un deporte solidario, con valores e éticas universais e ao tempo propios da disciplina. Neste deporte os deportistas non compiten entre eles, a competición é coa a montaña e as súas dificultades, por iso cómpre manter os valores porque as regras non están escritas, por iso cremos que é importante a conciencia de grupo, é a forma de crear sinerxias positivas que se retroalimenten desde o punto de vista deportivo, para o que facemos a seguintes propostas:

  • Xuntanza de Alpinismo da FGM: unha xuntanza cada dous anos, en lugares escollidos, onde poder realizar actividade, participar en charlas, proxeccións, obradoiros… onde teñamos un espazo de comunicación entre nós, distendido e motivante, o lugar onde nos encontremos e vexamos o que se está facendo no alpinismo actual.
  • Premios Anuais do Alpinismo Galego: Desenvolvidos durante a Xuntanza de Alpinismo ou como un recoñecemento nunha Gala Anual da FGM. establécense como un necesario recoñecemento a unha xesta deportiva, a un traballo ben feito ou a unha traxectoria salientable.

TECNIFICAR é o que nos vai levar máis aló da formación. A EGAM está desenvolvendo un programa formativo importantísimo, que inflúe en todos os ámbitos deste deporte, desde o Campamento Infantil ata os múltiples Cursos que se dan ao longo do ano. Ese enorme esforzo, se falamos de alpinismo e esquí de montaña, quedaría varado se non se complementara cos Programas de Tecnificación que actualmente seguen a maioría das federacións autonómicas, por iso estamos a desenvolver o Programa de Tecnificación de Alpinismo (PROTAL), para pór a nosa atención tamén nos deportistas máis novos e no alpinismo de alto rendemento:

  • Establecendo uns obxectivos xerais do PROTAL, establecendo un Equipo de Novos/as Alpinistas Galegos/as (ENAG) fundamentado no deporte con valores, na seguridade, no rendemento e mellora técnica, na promoción do alpinismo feminino e na preparación para o acceso ao Plan Nacional de Tecnificación da FEDME.
  • Elaborando un Programa de Tecnificación Deportiva, cunha duración mínima de 2 anos e situando os alicerces para comezar a traballar con rapaces/as máis novos, preparando as bases para a formación e a tecnificación desde a adolescencia.
  • Fixando uns criterios técnicos para a selección dos deportistas, e abrindo un espazo para a colaboración e o encontro entre as diferentes xeracións que formaron parte do ENAG.
  • Establecendo un calendario de actividades: formativas e prácticas, alén de encontros de maior duración para realizar actividades de tecnificación avanzada.

CALENDARIO PROVISIONAL 2025

FEDERACIÓN GALEGA DE MONTAÑISMO

Rúa Fotógrafo Ksado, 17
Oficina 10
36209 Vigo

T. 986 208 758
secretaria@fedgalmon.gal

Urxencias: 626 975 990

 

HORARIO

Luns a venres: 08:00 a 15:00 h.
Os martes e mércores ademáis: 16:00 a 19:00 h.

Agosto: Cerrado

ATENCIÓN TELEFÓNICA

Luns a venres: 10.00 a 14.00 h. e martes e mércores 16:00 a 19.00 h.