Desde a FGM queremos mostrar todo o noso apoio a Félix Criado e a toda a expedición que intentará o K2 este inverno. Felix e Álex Txikon parten para Paquistán a comezo de xaneiro, co obxectivo histórico de acadar o único cumio de máis de 8000 mts que segue sen ser escalado en inverno. O K2 invernal foi intentado previamente en catro ocasións por tres expedicións polacas e unha rusa, xestas de alpinistas excepcionais aos que a montaña e a climatoloxía non permitiron ollar a cima, nesta ocasión á expedición de Felix e Álex compartirá campo base con outra ruso-kazajokirguís liderada por Vassili Pivtsov e Artem Braun, a montaña terá a última palabra pero o mero feito de termos un deportista galego intentado o K2 invernal é un orgullo para todo o alpinismo, alén de supor un chanzo histórico máis para o alpinismo galego.
Felix Criado é un alpinista destacado, membro da Escola Galega de Alta Montaña e recoñecido o ano pasado como Mellor alpinista galego en activo polos Iº Premios do Alpinismo Galego, con grande experiencia en montañas situadas en lugares remotos e de máis de 8000 mts, pero Felix é tamén o noso compañeiro e o noso amigo, seguirémoste e apoiarémoste nesta nova aventura desexándovos moita sorte, moito ánimo e moita mesura. O ALPINISMO galego está de noraboa!

Alex Txikon intentará el K2 este invierno