Máis de 30 participantes entre os 16 e os 84 anos gozaron dunha emocionante travesía pola montaña ourensá, organizada con éxito polo club Montañeiros Celtas.
A Marcha Galega de Bivaque 2025 da Federación Galega de Montañismo celebrouse a fin de semana do 5 e 6 de xullo, cun percorrido esixente e fermoso pola serra de Petín. O evento, que contou cunha excelente organización por parte do club Montañeiros Celtas, reuniu a participantes de todas as idades nun ambiente de natureza, compañeirismo e superación persoal.
O pasado sábado 5 de xullo deu comezo, nas proximidades de Mones (Petín), unha nova edición da Marcha Galega de Bivaque, unha actividade xa consolidada no calendario da Federación Galega de Montañismo. O evento foi preparado con esmero polo club Montañeiros Celtas, que deseñou un trazado espectacular a través das montañas orientais de Ourense.
A xornada comezou cun sol impoñente e temperaturas elevadas, o que obrigou a marcar un ritmo pausado debido á falta de puntos de auga ata a chegada ao bivaque. A ruta ascendente levou aos participantes polos cumios do Alto do Campelo (628 m), Cabeza do Pau (1219 m), Alto do Monzón (1329 m) e Pena Forcada (1381 m), ata chegar a Santoalla do Monte (950 m), onde se instalou o campamento.
En total, máis de 30 persoas de diferentes idades —desde mocidade de 16 anos ata veteranos de 84— compartiron esforzo, paisaxe e boa compañía. A merenda-cena en común na aldea de Santoalla foi un dos momentos máis entrañables da xornada.
Na madrugada do domingo, a néboa cubriu o bivaque, e a humidade fíxose notar durante o almorzo e o comezo do descenso. A baixada ata San Fiz presentou tramos de notable dificultade técnica e forte desnivel, esixindo prudencia e concentración. Xa dende a presa de Santa Eulalia ata Portomourisco, o camiño suavizouse, ofrecendo un paseo comprometido e aéreo entre panorámicas espectaculares polo canón do río Xares.
Tras completar o percorrido, o grupo desprazouse ata O Bolo, onde se celebrou un xantar de confraternidade e o acto de clausura da marcha.
Dende a Federación Galega de Montañismo queremos agradecer especialmente a presenza numerosa da mocidade, que nos enche de ilusión e esperanza para o futuro destas actividades. Así mesmo, trasladamos os nosos parabéns ao club Montañeiros Celtas pola excelente organización e pola magnífica escolla do itinerario. A Marcha de Bivaque 2025 foi, sen dúbida, unha experiencia inesquecible para todas as persoas participantes.
Descubre máis desde Federación Galega de Montañismo
Subscríbete para recibir as últimas entradas no teu correo electrónico.