NOTA INFORMATIVA SOBRE ACORDO DE COLABORACIÓN FEDERACIÓN GALEGA DE MONTAÑISMO E FUNDACIÓN OSO PARDO

A FGM ven de asinar un convenio de colaboración ca Fundación Oso Pardo, no marco dos traballos do proxecto “LIFE Osos con Futuro”.

Dito convenio acordouse por unanimidade en Xunta Directiva do 22 de febreiro, comezando a colaboración activa ca FOP a primeiros do mes de marzo.

No contexto de cambio global que vivimos os invernos son cada vez máis cálidos e curtos, o que fai que os osos invernen durante menos tempo ou non o fagan, incrementándose as posibilidades dun encontro con eles. O oso pardo está catalogado como “En perigo de extinción” e a súa poboación estase a recuperar lentamente, o que aumentará a posibilidade de encontros, polo que vemos necesaria a formación aos deportistas de montaña sobre como comportarse ante un oso pardo e evitar posibles conflitos.

O convenio ca FOP consiste na realización conxunta de varias actividades de divulgación e formación, entre as cales están:

  • Colaboración na elaboración dun vídeo divulgativo en galego con consellos para percorrer con seguridade as montañas con presenza de oso pardo.
  • Colaborar na elaboración dun folleto divulgativo en galego con consellos sobre como actuar se nos atopamos cun oso pardo mentres practicamos sendeirismo ou montañismo.
  • Incorporar todo este material divulgativo á web da FGM, e difundilo entre os clubs de montaña galegos.
  • Realización de alomenos dúas actividades de sendeirismo nas que se poñan en práctica todos estes aspectos, en zonas con presenza de oso pardo en Galicia.

*Podedes atopar información sobre o Proxecto LIFE Osos con Futuro na web. 

https://fundacionosopardo.org/proyecto-life-osos-con-futuro/


NOTA INFORMATIVA DA PARTICIPACIÓN DA FGM NA SEMANA DE SENDEIRISMO FEDME 2023: MONTAÑISMO E OSOS CON FUTURO

Comprácenos a través deste comunicado anunciar a primeira das actividades de sendeirismo en colaboración FGM-FOP no marco do Proxecto LIFE Osos con Futuro, que levarase a cabo o vindeiro sábado 6 de maio, nunha zona con presenza de oso pardo en Galicia.

Aproveitaremos esta ocasión para participar como federación no evento da “Semana de Senderismo 2023 FEDME” optando ao “Premio á mellor actividade medioambiental“.

Nas vindeiras semanas informaremos dos detalles da actividade e do medio de inscrición, polo que ¡ide reservando a data que CONTAMOS CONVOSCO!

Por un Sendeirismo e Osos con Futuro.

Para resolver calquera dúbida estamos a vosa disposición no seguinte correo: medioambiente@fedgalmon.gal