TRANSPARECNIA E RIGOR NAS COMPETICIONS
En relación coas manifestacións publicadas nas últimas horas sobre a proba celebrada na Rúa, terceira proba puntuable da Copa Xunta de Galicia de Carreiras por Montaña, desde a Federación Galega de Montañismo queremos trasladar o seguinte:
A Federación Galega de Montañismo rexeita de maneira rotunda calquera acusación de discriminación, odio ou trato desigual cara a calquera deportista, club ou entidade participante nas súas competicións. Estes termos son especialmente graves e non se corresponden cos feitos acontecidos durante a proba.
A incidencia producida non tivo relación algunha coa identidade da deportista, co seu club de pertenza nin co seu resultado deportivo, senón exclusivamente coa comprobación da licenza federativa esixida para participar nunha proba oficial da Copa Xunta de Galicia de Carreiras por Montaña, competición integrada no calendario oficial da Federación Galega de Montañismo.
Segundo consta na revisión realizada antes da celebración da proba, a deportista non figuraba como federada pola Federación Galega de Montañismo. Posteriormente, a licenza mostrada pola propia deportista correspondía á Federación de Atletismo. Sen prexuízo da validez que dita licenza poida ter no ámbito propio desa federación, esta non substitúe nin equivale á licenza federativa requirida para competir oficialmente nunha proba da Federación Galega de Montañismo.
A actuación do equipo arbitral limitouse, en todo momento, á comprobación da documentación federativa e á aplicación do regulamento correspondente, función propia e obrigatoria nunha competición oficial. A deportista foi tratada con respecto, puido participar na proba e recibiu as explicacións oportunas sobre a incidencia detectada.
Cómpre lembrar que a aplicación do regulamento federativo é unha garantía de igualdade para todos os deportistas. Precisamente para evitar agravios comparativos, todos os participantes deben cumprir os mesmos requisitos de inscrición, licenza e participación establecidos para cada competición.
Desde a Federación Galega de Montañismo lamentamos profundamente que unha cuestión estritamente regulamentaria fose presentada publicamente como un caso de discriminación, xerando un dano inxustificado á imaxe da propia Federación, do club organizador, do equipo arbitral e da competición.
Queremos expresar igualmente o noso apoio ao club organizador da proba, que traballou con responsabilidade e compromiso para sacar adiante unha nova cita da Copa Xunta de Galicia de Carreiras por Montaña, así como ao equipo arbitral, que actuou no exercicio das súas funcións e conforme aos procedementos establecidos.
A Federación Galega de Montañismo seguirá defendendo un deporte respectuoso, inclusivo e seguro, mais tamén rigoroso no cumprimento das normas que regulan as competicións oficiais.
Por último, esta Federación queda á disposición dos clubs e deportistas para aclarar calquera dúbida relativa ás licenzas, inscricións ou requisitos de participación nas probas oficiais de Carreiras por Montaña.
Federación Galega de Montañismo
Descubre máis desde Federación Galega de Montañismo
Subscríbete para recibir as últimas entradas no teu correo electrónico.