A Vogalía de Alpinismo da Federación Galega de Montañismo abre unha convocatoria para formar parte do Equipo de Novos e Novas Alpinistas Galegos/as (ENAG). A formación avanzada e a tecnificación do alpinismo teñen que ter o seu espazo no deporte galego e, os grupos de traballo de novos deportistas, deben inserirse dentro dunha planificación elaborada para un itinerario deportivo individual.
Se cumpres os requisitos da convocatoria, tes un ánimo de rendemento físico e técnico na práctica da escalada, esquí de montaña (ou alpino), montañismo invernal ou alpinismo, se estás motivado/a e te sentes atraído/a polos deportes de montaña, só tes que enviarnos o teu currículo deportivo e participarás na selección de deportistas que constituirán o ENAG.