Crónica da primeira xornada de selección de CxM da Federación Galega de Montañismo

Tras algunhas fins de semana de traballo, está todo listo.
Por primeira vez na historia da FGM, os corredores aspirantes a ser convocados para correr no equipo de CxM enfróntanse a unhas probas de selección.

Dúas carreiras de características moi diferentes que determinarán, este próximo 21 de Marzo, que dous homes e dúas mulleres competirán na primeira cita da Copa de España FEDME de carreiras por montaña.

A primeira proba desenvolveuse este pasado domingo, 7 de marzo, con saída desde a praia fluvial de Pozo do Boi, en Vilatuxe, e transcorreu sobre un trazado de 18Km e aprox. 900 metros de denivel positivo. Un track rápido pero enganoso, co groso de subidas e baixadas no primeiro terzo da carreira, con zonas técnicas que obrigaron aos corredores para espremerse ao máximo.

En representación da FGM estivo Estivel Martínez, actual Director de Tecnificación e seleccionador na área de CxM, organizador do evento, que presentou o seu proxecto nunha breve charla con todos e todas os presentes, deixando clara a liña na que se pretende traballar a partir de agora.
Durante a devandita presentación estivo presente tamén Antón Vázquez, vogal de CxM e ata o de agora responsable da área, mostrando o seu apoio a esta nova iniciativa.

Tras esta breve “reunión” déuselles aos participantes media hora para prepararse, así como un breve “ breafing” para que o percorrido non collese a ninguén por sorpresa.

Hora de saída!!!!!!

Saen diante os mozos, con distancia de seguridade e máscara, ata comezar a proba. Nomes de recoñecido prestixio neste mundo : Elpidio Gómez, Roberto Riobó, Emilio Montilla, Samuel Saborido, Marcos Naya, Armando Calvo, Jose Daniel González, Roberto Mata, Miguel Araujo, Dani Paz, Miguel Vázquez, Dani Pazó, Lois Pachita e Adrián González.

E despois as mozas: María Ferreiro, Silvia Casal, Lupe Rubio, Alina Cimpean, Tamara García, Verónica Calvo, Vero Bugliot, Bea Barroso, Jana, María Fabeiro, Olalla e Marian García.

Algúns ausentes este día estarán na seguinte proba, como poden ser Brais Otero e Moncho Muíños, que avisaron da súa ausencia pero cos que se conta tamén neste equipo.

A carreira.

En ambas categorías desenvolvéronse as cousas dunha forma moi parecida.

En mozos Esteban Díaz e Elpidio Gómez destacáronse xa na primeira baixada longa do percorrido, e mantiveron unha bonita disputa durante o transcurso de toda a proba, pero sen dar marxe a entrar nela ao resto dos seus rivais.

Por detrás a batalla desenvolveuse unha vez se foron recompoñendo todos, tras o ritmo endiablado desde o inicio.

“Pódium” final para Elpidio Gómez, Esteban Díaz e Samuel Saborido, con Dani Paz e Marcos Naya pechando o top 5.

En canto á mozas María Ferreiro e Silvia Casal demostraron estar, actualmente, un “puntiño” por encima do resto, correndo ambas as xuntas durante toda a carreira.

Por detrás un grupo grande que terminou por dividirse co paso dos quilómetros, deixando como terceira clasificada a Alina Cimpean e cuarta a Bea Barroso.

A xornada desenvolveuse en ausencia de público e baixo estrito protocolo COVID, e estivo caracterizada por un incrible ambiente de compañeirismo entre todxs os participantes.

Agradecemento ao Club GTR Galaico Trail Run pola colaboración en todo momento, poñendo todos os medios ao dispor dos organizadores.

Próxima cita o día 21, sobre un trazado durísimo de 27Km e preto de 2100 m de desnivel positivo, que lanzará os resultados definitivos destas probas de selección.

Seguirémosvos informando.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.