A Federación Galega de Montañismo (FGM) convoca, coa impartición da Escola Galega de Alta Montaña (EGAM), a preinscripción ao curso de iniciación ao Esquí de Montaña (EM.1), equivalente a N1 de Esquí de Montaña da Escuela Española de Alta Montaña da Federación Española de Deportes de Montaña y Escalada (FEDME)
DATAS E HORAS DO CURSO: Do 12 ao 16 de xaneiro de 2026. Realizarase en horario de apertura de pistas cun horario lectivo máximo de 8 horas diarias.
- Días 12-13 de xaneiro: Estación de esquí de Cerler, centrando os contidos na aprendizaxe e mellora da técnica de descenso en neves non tratadas.
- Días 14-15-16 de xaneiro: Realización de percorridos de esquí de montaña aplicando os contidos do curso na contorna da estación.
LUGAR: estación de esquí alpino de CERLER e percorridos na contorna próxima a dita estación.
REQUISITOS BÁSICOS: Idade mínima de 16 anos ao inicio do curso (con autorización familiar asinada e persoa maior de idade ao cargo do/a menor no propio curso), e ter a licenza federativa FEDME en vigor que cubra montañismo invernal e alpinismo (Tipo B).
OBXECTIVOS DO CURSO:
- Coñecer en profundidade o material de progresión e seguridade propios do esquí de montaña.
- Partindo dun nivel medio de esquí alpino, mellorar as técnicas de descenso en terreo de neve non tratada de pouca dificultade.
- Realizar percorridos básicos con esquís de travesía con autonomía e seguridade.
- Coñecer as técnicas de ascenso con esquí de montaña e as transicións.
- Coñecer as técnicas de seguridade en alta montaña invernal e os protocolos de búsqueda de vítimas de avalanchas.
RATIO E ALUMNOS/AS TOTAIS: 1 técnico/a por cada 6 alumnos/as (ata un máximo de 6 no curso). O número mínimo de participantes para realizar o curso será de 5 persoas.
PROFESORADO: Serán técnicos/as da Escola Galega de Alta Montaña (Federación Galega de Montañismo).
