O 12 de agosto, Galicia converterase nun escenario privilexiado para desfrutar dunha eclipse solar total. Para quen queira vivir este fenómeno dende a montaña, existen numerosos puntos elevados que poden ofrecer unha experiencia espectacular, sempre que conten cun horizonte oeste suficientemente aberto.
Entre as zonas que poden resultar especialmente interesantes están a Serra do Xistral e as montañas de A Mariña, a Serra da Capelada e contorna de Cabo Ortegal, a Serra da Faladoira, así como diferentes miradoiros e cumios do norte das provincias de Lugo e A Coruña. A propia información oficial sinala A Mariña, Cabo Ortegal e a Serra do Xistral entre as zonas especialmente favorables.
Non obstante, non todos os cumios ou miradoiros ofrecen necesariamente unha boa visibilidade. O eclipse producirase ao final da tarde e o Sol estará moi baixo, polo que un monte, unha árbore ou calquera obstáculo situado cara ao oeste pode impedir a observación. Antes de saír, recomendamos consultar o visor oficial e comprobar as condicións concretas do punto escollido.
E, como sempre que saímos á montaña:
- Usa sempre gafas homologadas durante as fases parciais.
- O que vai na mochila, volve na mochila.
- Respecta a flora e o medio natural.
- Non molestes nin estreses a fauna.
- Planifica a actividade, os accesos e o regreso con antelación.
A montaña pode ofrecernos un escenario extraordinario para vivir este momento, pero debemos lembrar que a montaña estará antes e continuará despois da eclipse.
Goza da montaña. Protéxea.
Descubre máis desde Federación Galega de Montañismo
Subscríbete para recibir as últimas entradas no teu correo electrónico.