
Ao longo do ano no calendario federativo hai varias actividades “tradicionais” de participación exclusiva para persoas federadas organizadas pola F.G.M. a través dun club. Este é o caso do DÍA DO SENDEIRISTA 2021 celebrado o domingo 14 de novembro en Cabeza de Manzaneda co bo facer do Club Alpino Ourensán que co gallo do seu 50 aniversario nesta edición solicitou ser o encargado de levalo a cabo.
Tras a recepción dos participantes e entrega do agasallo conmemorativo, tivo lugar a benvida por parte do Vicepresidente Área Económica da F.G.M., José Miguel Merino, e da Presidenta do Club Alpino Ourensán, Mar Pallás. Tamén estivo presente o Delegado da F.G.M. na provincia de Ourense, Elías Rodríguez.
A actividade consistiu nun percorrido circular duns 14 km de distancia apto para calquera persoa afeita a camiñar e contou con 57 participantes pertencentes ademáis de ao club anfitrión a outras cinco entidades: Os Sendeiros de Foz, Clube de Montaña Xistra, Club Montañeiros Celtas, Club Aromon Pontevedra Montañeiros A Roelo e GMTA&Chuvoners. Esta actividade federativa é, polo tanto, un momento de encontro para os federados e federadas de toda Galicia aficionados á práctica do sendeirismo. E tamén é momento de encontro interxeracional: entre os participantes estiveron un pai co seu fillo acompañados polo avó deste último.
Ao longo do percorrido efectuáronse varias paradas nas que Rubén, membro do Club Alpino Ourensán que exerceu de guía, comentou a xeografía e xeoloxía da zona. Entre a vasta vista panorámica tívose ocasión de divisar no horizonte os cumes máis altos de Galicia: Pena Surbia, Pena Negra e Pena Trevinca.
No sentido literal fíxose cume en Cabeza Grande de Manzaneda, onde no seu deteriorado vértice xeodésico alcánzanse os 1.781 m. No sentido figurado o cume da xornada estivo a carón do refuxio do Club Alpino Ourensán “Pena do Caldeiro“ xa que alí tivo lugar o xantar de confraternidade en forma de magosto amenizado coa música dun pequeno conxunto de gaitas e pandeireta.
Para rematar cómpre dicir que a meteoroloxía foi inmellorable, cun ceo totalmente despexado e unha temperatura moi adecuada para a práctica do sendeirismo. En resumo, un estupendo día para o montañismo galego.