O ENAG (Programa de Tecnificación de Alpinismo da FGM) realizou o Intercentros FEDME de inverno, dedicado á técnica de esquí, en Serra Nevada, entre os días 16 ao 19 de decembro de 2021.
Un dos piares dos Programas de Tecnificación de Alpinismo é que os deportistas desenvolvan actividades con outros deportistas doutras CCAA, alén de coordinarnos para crear bases formativas e organizativas comúns. Estes contactos, que noutras áreas deportivas se fan nas competicións, e que no caso do alpinismo non existirían, desenvolvémolos pensando na estandarización da formación e para axudar aos deportistas a crear relacións entre eles.
Esta vez asisitiron os Programas de Tecnificación das federacións territoriais de Madrid, Navarra, Valencia, Galicia e Andalucía.
Os galegos adiantámonos un par de días para afondar na técnica de esquí e desenvolver algunha actividade de Alpinismo. O resultado foi a escalada do corredor norte do Veleta, rematado pola vía Fidel-Fierro ata o cumio, e tres días de esquí de pista na estación, incidindo na técnica e potenciando á viraxe fundamental que tanto usarán en montaña. Despois do mediodía algúns deportistas fixeron traballo aeróbico realizando series de subida con técnica de skimo.
No apartado formativo de tarde desenvolvemos talleres de nivoloxía, novos patróns de busqueda en avalancha e progresión en terreo nevado.
Un programa variado e formativo que se desenvolveu de forma excelente. Cómpre agradecer á Federación Andaluza de Montañismo e á Estación de Serra Nevada o bo trato recibido e a organización deste encontro.