En Galicia coñecemos ben as consecuencias devastadoras dos incendios forestais. O monte forma parte da nosa identidade, do noso patrimonio natural e da nosa forma de vivir, e cada incendio supón unha perda irreparable para as persoas, a biodiversidade e o territorio.
Nestes días, unha nova vaga de lumes está a afectar a diferentes puntos de España, deixando tras de si danos ambientais, materiais e humanos. Desde a Federación Galega de Montañismo queremos trasladar todo o noso apoio e solidariedade ás persoas afectadas, así como o noso máis sincero agradecemento e recoñecemento a todas e todos os profesionais, voluntariado e corpos de emerxencias que, con enorme esforzo e compromiso, traballan sen descanso para combater o lume, protexer á poboación e preservar o noso medio natural.
Ao mesmo tempo, expresamos a nosa máis firme repulsa ante os incendios forestais, especialmente aqueles provocados pola acción humana, que atentan contra a vida, o patrimonio natural e o futuro das nosas montañas.
Desde a FGM defendemos que a educación ambiental é unha ferramenta imprescindible para a prevención. Neste labor queremos recoñecer o compromiso dos clubs de montaña, que contribúen día a día a transmitir ás novas xeracións os valores do respecto, do coñecemento e do coidado da natureza.
Así mesmo, queremos poñer en valor o traballo das persoas que viven e coidan do medio rural: quen manteñen vivas as nosas aldeas, soutos, carballeiras, ribeiras, pastos e montes, desempeñando un papel esencial na conservación da paisaxe e na prevención dos incendios.
Porque protexer o monte é protexer a vida. Entre todas e todos, coidemos o que nos une.
Descubre máis desde Federación Galega de Montañismo
Subscríbete para recibir as últimas entradas no teu correo electrónico.