O Iº ENCONTRO ANUAL DE ALPINISTAS SUPEROU TODAS AS ESPECTATIVAS

Exitosa xuntaza de alpinistas galegos en Peña Ubiña. Esta montaña leonesa, escenario habitual dos escaladores galegos, acolleu o I Encontro Anual de Alpinistas organizado pola Federación Galega de Montañismo, coa colaboración da Secretaría Xeral para o Deporte, do concello de San Emiliano e do Club Deportivo de Montaña Babia . Os participantes no encontro encheron o val de Babia desbordando todas as previsións e demostrando que o alpinismo galego está máis activo ca nunca, realizáronse múltiples actividades por todo o macizo, desde ascensión de alta dificultade ata alpinismo clásico, pasando por actividades formativas e prácticas de escalada novídosa na Cordilleira Cantábrica como o Dry Tooling.

 

Máis de 80 participantes, entre eles os mellores alpinistas galegos do momento, déronse cita neste Encontro co obxectivo de dar a coñecer montañas próximas e dinamizar este deporte no noso territorio. Escaláronse corredores de xeo e neve de todo tipo de dificultade e desenvolvéronse varios obradoiros técnicos formativos coordinados pola Escola Galega de Alta Montaña: nivoloxía, autodetención, seguros en neve, manexo do ARVA e unha práctica de actuación en caso de avalancha coordinada polo GREIM de Trives.

Tamén se organizaron mostras e probas de material coordinadas polas tendas Terra e Cume Norte, puidemos ver material novidoso de esquí e de alpinismo, probar piolets e crampóns técnicos e descubrir as novidades de material invernal para os anos vindeiros.

O sábado pola tarde, no salón de actos do concello de San Emiliano, asistimos a unha charla do GREIM de Sabero sobre “seguridad en montaña” e a unha conferencia do alpinista Carlos Suárez, un dos mellores embaixadores do alpinismo español de dificultade no mundo, que veu a presentarnos a segunda edición do seu libro Morir por la cima. Neste acto, ao que asistiu o alcalde de San Emiliano D. Basilio Barriada, a Subdelegada do Goberno de León Dna. Teresa Mata e as máximas autoridades leonesas da Garda Civil, o concello de San Emiliano entregoulle unha placa de recoñecemento ao GREIM de Sabero polos seus 50 anos de servicio de rescate en montaña.

Na cea común, á que asistiron todas as autoridades e que se desenvolveu dun xeito máis distendido no Hostal Valle de San Emiliano, a Federación Galega de Montañismo tamén entregou unhas placas de recoñecemento ao alcalde de San Emiliano, á Subdelegada do Goberno, ao GREIM de Sabero, representantes da Federación de Montaña e Escalada de Castilla e León  e á guardesa do refuxio de Torrebarrio.

Pero o prato forte veu cando se entregaron os Premios do Alpinismo Galego, recoñecendo o xurado varias categorias: A Carlos Garrido pola Mellor Actividade alpinística (Norte do Eiger), a Félix Criado pola Mellor Traxectoria Activa (impresionante currículo nas montañas máis altas e difíciles do mundo) e a Lucas Rodríguez como Mellor Promesa (impresiona que con 24 anos xa poida ter realizadas vías de altísima dificultade nos Pireneos, Picos de Europa e Alpes). A noite non rematou aí e aínda puidemos gozar dun sorteo de material onde, alén dunha comunicación distendida e múltiples risas, houbo agasallos para moitos participantes cortesía das tendas especializadas Terra, Cume Norte, Cota Cero, Entrepicos, Ndorfina e Inercia.

A Vogalía de Alpinismo da Federación Galega de Montañismo quere agradecer a todos e todas os/as  deportistas a súa boa actitude, esperando que en próximas edicións a resposta dos alpinistas galegos sexa tan numerosa en cantidade e cualidade como o foi esta fin de semana en Peña Ubiña.

¡Esperamovos a todos para a seguinte!

Aquí tendes un xenial vídeo resumen da xuntanza feito por Pablo Brea coas imaxes de Carlos Romero.

Moitas mais fotos aquí