A Coruña | Xornada de Inclusión e Difusión dos Deportes de Montaña
Dende a Federación Galega de Montañismo (FGM), coa colaboración da Federación Española de Deportes de Montaña y Escalada (FEDME), da Agrupación de Montañeiros Independentes (AMI) e do Concello da Coruña, impulsamos unha xornada de achegamento aos deportes de montaña dirixida a todas as persoas. Para iso, organizamos dous eventos coincidindo co Día Internacional da Discapacidade, que se celebrará o vindeiro 3 de decembro.
• Evento de mañá 10:00 a 13:30 – Rocódromo municipal de Riazor
Pola mañá, todas as persoas con discapacidade que se acheguen ao rocódromo municipal de Riazor poderán desfrutar dun “Bautismo de escalada”, guiado por técnicos especializados na disciplina. Ademais, terán a oportunidade de coñecer a instalación e o material empregado habitualmente nesta modalidade deportiva.
• Evento de tarde 18:00 a 19:30 – Mesa redonda Salón de Actos do Centro de San Diego
Pola tarde celebraremos unha mesa redonda na que participarán diferentes deportistas con discapacidade de varias modalidades da FGM, así como familiares e responsables de centros de referencia que acoden regularmente a actividades de montaña. A través das súas historias, vivencias e reflexións, poderemos afondar no papel da discapacidade no eido do montañismo. Ao remate, abrirase un espazo para formular preguntas e compartir dúbidas.
Os ponentes son:
- Bea Gandara, escaladora e embaixadora FEDME
- Pablo Pindo, corredor con xordeira
- Patricia Gómez, familiar de persoa con discapacidade
- Luis Fontenla, responsable de ocio de ADCOR
Estades todos e todas convidados/as a participar nestas xornadas, nas que agardamos que o espírito da montaña vos inspire e se converta no xermolo de novos montañeiros e montañeiras, sexa cal sexa a vosa situación persoal.
Porque na montaña, ninguén queda atrás.
