
PROGRAMA DE TECNIFICACIÓN DE ALPINISMO
2020/2023
Hoxe queremos presentarvos ao Equipo de Nov@s Alpinistas Galeg@s (ENAG), inseridos no Programa de Tecnificación de Alpinismo (PROTAL), desenvolvido pola Vogalía de Alpinismo da FGM. Este Programa está recoñecido pola Federación Española de Deportes de Montaña y Escalada (FEDME) e polo Consejo Superior de Deportes (CSD), e constitúe un esforzo común xunto co que desenvolven outras federacións autonómicas.
O PROTAL comezou no 2018 cunha periocidade de 2 anos, porén actualmente, e por decisión dos técnicos que o desenvolvemos tanto a nivel autonómico como estatal, acordouse que a duración fose de 3 anos, coincidindo coa vixencia do Equipo Nacional tanto masculino como feminino, e para que servise de acicate para tod@s @s deportistas no obxectivo de entrar no Equipo Nacional, ao que só accederán @s máis preparad@s.
Nesta nova aventura contamos co patrocinio de Torre de Nuñez (https://www.torredenunez.com/es/). Esta empresa galega apostou polo Alpinismo, apoiando os esforzos do deporte xuvenil de natureza e aventura, con decisión nestes momentos duros de pandemia, difíciles para o deporte e para a tecnificación, tempos complexos tamén para que os patrocinadores se arrisquen. Torre de Nuñez faino, sen prexuizos, estando sempre á altura, e por iso estamos moi agradecidos. Estamos seguros de que a colaboración será proveitosa para ambos.
Nesta nova xeira o ENAG está formado por tres técnicos da Escola Galega de Alta Montaña, que nos coordinaremos para acompañalos (Josito, Toni e Xosé), e por catro deportistas escollidos durante unhas probas que se desenvolveron durante dous fins de semana. E como veu sendo habitual nestes últimos anos, incorporaremos a Victor Barro como fotógrafo cando nos poida acompañar (http://fotosconletra.com/). Os novos DEPORTISTAS do ENAG son:
- Adrián Álvarez Varela
- Daniela Andreia Carvalho Oliveira
- Jaime Larriet Gancedo
- Pablo Brea Garrido
Tod@s os deportistas do PROTAL son maiores de idade, o actual Equipo entre os 20 e os 27 anos, que é unha idade moi adecuada para formarse no alpinismo. Neste deporte coma en ningún outro a mente xoga un papel fundamental, esa formación ten que ir da man dun proceso técnico de comprensión de todas as modalidades que comprende o alpinismo. O montañismo/alpinismo moderno é un deporte difícil de desenvolver se non se dispón de certos recursos materiais e técnicos, posto que estamos a falar de actividade en alta montaña, onde cómpre unha formación técnica integral, e certa experiencia, en escalada libre en rocha e en autorrescate, escalada en xeo e mixto, escalada artificial, nivoloxía, progresión e autorescate glaciar, esquí de montaña, orientación, planificación de actividades, seguridade, equipamento… e non podemos esquecer o RISCO, que está na natureza mesma deste deporte, e a xestión deses riscos debe ser algo constante e ao tempo cambiante, agora tomamos decisións que máis tarde teremos que mudar, cómpre que a prevención e anticipación se traballen constantemente e gañar en experiencia para recoñecer a información que a montaña nos ofrece.
Adrián Álvarez Varela (Club Indoorwall Santiago Compostela)
Deportista moi novo pero xa ben coñecido en Galicia, tecnificado pola FGM para escalada de dificultade, gañando varios anos o Campionato Galego de Escalada de Dificultade, alén do de Escalada en Bloque. Pero Adrián é moito máis, ten unha paixón inquebrantable cando acomete un proxecto, desenvólvese excelentemente en escalada de autoprotección, aprende rápido cos piolets e os crampóns, ten un bo nivel de esquí e, principalmente, ten moitas gañas de aprender, de coñecer novos mundos da escalada e a montaña, cunha motivación impresionante e unha mente privilexiada para crecer como alpinista.
Daniela Andreia Carvalho Oliveira (Club Alud)
Unha deportista excelente, á que non lle afecta ter que escalar con compañeiros masculinos, sempre se crece, outra mente difícil de quebrantar e con todas as inquedanzas para a aprendizaxe. Daniela é un diamante, con certa experiencia en diferentes paredes da península, escala duro, sempre ao límite pero cos pés na terra, ponse ao lado dos seus compañeiros e sácalles a a punta da corda para liderar a cordada. Daniela sempre vai a máis, evoluciona a cada paso e aprende rapidamente gañando a experiencia que se necesita para cada proxecto, sabemos que será unha gran alpinista!
Jaime Larriet Gancedo (Club Agrupación de Montañeros Independientes)
Aínda sendo bastante novo Jaime xa conta con certa experiencia en montañismo invernal, e con escaladas de autoprotección de interese. Dedicoulle menos á escalada deportiva centrándose no montañismo, outra mente inquieta, cunhas posibilidades excepcionais para o alpinismo, que constitúe o modelo de deportista que o PROTAL procura, cunhas posibilidades de evolución enormes e coas capacidades para desenvolvelas plenamente.
Pablo Brea Garrido (Club Alud)
Pablo xa é un alpinista. Sendo aínda novo conta cun currículo moi interesante en vías alpinas e en grandes paredes, seguro que o PROTAL lle pode aportar unha nova etapa en canto a formación e experiencias, pero tamén él lle pode aportar moitas cousas aos/ás seus/súas compañeir@s. Excelente esquiador que xa coñece as experiencias do esqui-alpinismo. Ten escalado montañas por diferentes partes do arco alpino (Mont Blanc, Monte Rosa…) conta con vías clásicas de referencia como a Comici-Dimai na Cima Grande de Lavaredo, con actividdes salientables na mesma Cordilleira Cantábrica ou Pireneos, ten escalado xa en moitas paredes de referencia como Ordesa, Verdón, Valle dell’Orco… con algunhas vías de dificultade obxectivo de grandes alpinistas como a Racs en Ordesa ou État de Choc no Petit Clocher du Portalet. Estamos diante dun alpinista novo pero cunha proxección expectacular porque xa sabe escoller os seus proyectos e ten experiencias por moitas paredes e montañas, algo fundamental para o alpinismo de alto nivel.
Desde a Vogalía de Alpinismo da FGM apostamos por este Equipo con todas as nosas posibilidades, medios e intelixencia. Queremos que evolucionen e sexan o faro do alpinismo galego nos próximos anos. Que desenvolvan os proxectos que outros e outras non puidemos desenvolver, queremos velos evolucionar e ver o deporte galego no máis alto, estamos seguros de que teñen todo o potencial e contan con moitos anos e paixón por diante, sen presas pero crecendo sempre, outra luz no camiño deste deporte tan marabilloso. Agradecemos de novo a TORRE DE NUÑEZ todo o seu apoio e a aposta por este deporte nestes momentos difíciles. Sempre, e entre tod@s, formando EQUIPO!!!
