A cita, pertencente á Liga Galega de Andainas, destacou pola esixente ascensión ao monte Enxa, as espectaculares vistas da ría de Muros-Noia e unha organización de dez a cargo do club Trabandainas.
Porto do Son, 8 de xuño de 2026. — O Concello de Porto do Son viviu este domingo unha das xornadas máis espectaculares do calendario de sendeirismo autonómico. Un total de 700 persoas inscritas déronse cita para completar os 25 quilómetros da andaina organizada polo club Trabandainas, en colaboración coa Federación Galega de Montañismo (FGM).
Esta proba supón o punto de partida en canto a distancia dentro da Liga Galega de Andainas, un prestixioso circuíto autonómico que engloba retos de 25, 50 e 100 quilómetros. Aínda que se trata da modalidade máis curta da Liga, a esixencia e a beleza do trazado sonense non deixaron indiferente a ninguén. Entre os comentarios dos propios participantes, o veredicto foi unánime: un percorrido aínda máis fermoso e impactante que o da pasada edición de 2025.
O gran fito da xornada foi, sen dúbida, a dura pero gratificante ascensión ao cumio do monte Enxa. O esforzo dos marchadores viuse amplamente recompensado ao coroar o cumio, desde onde puideron gozar dunhas magníficas vistas panorámicas sobre a ría de Muros-Noia, un dos grandes atractivos visuais deste ano.
Éxito organizativo e institucional
Desde a FGM queremos poñer en valor o extraordinario labor de Pilar e de todo o equipo humano do club Trabandainas, cuxo traballo loxístico e atención en ruta foron cualificados de “dez” polos asistentes.
E como non agradecemos con un cariño especial a Cruz Vermella de Noia e a tódolos seus voluntarios que fixeron un traballo de apoio, prevención e coidado fenomenal.
Así mesmo, o éxito total do evento non tería sido posible sen a fundamental colaboración institucional do Concello de Porto do Son, que envorcou os seus recursos coa proba.
Con esta inxección de enerxía e deportividade, a Liga Galega de Andainas demostra a súa excelente saúde e a capacidade dos nosos clubs para organizar eventos de primeiro nivel.
Descubre máis desde Federación Galega de Montañismo
Subscríbete para recibir as últimas entradas no teu correo electrónico.