Esta semana presentouse en Ribeira a Andaina 50k Concello de Ribeira, coa presenza de Moncho Sampedro da Asociación de Veciños de Carreira, Henrique Freixeiro, Vogal de Andainas da FGM, o Concelleiro de Deportes do Concello de Ribeira Xabier Vidal e Marivén Sampedro, tamén da Asociación de Veciños de Carreira.
O 6 de setembro celebrarase a tradicional Andaina de 50 km do Concello de Ribeira, con saída ás 9:00 horas no complexo deportivo da Fieiteira. A andaina constará de dous circuítos, un de 30 quilómetros e o outro de 20 quilómetros, e pasará por puntos como o parque periurbano de San Roque, o miradoiro da Pedra da Ra, o dolmen de Axeitos, o Parque Natural de Corrubedo e, entre moitos outros, o petróglifo da Pedra das Cabras. O evento concluirá cunha pequena festa ás 20:00 horas, que incluirá un pequeno sorteo de equipamento, así como paella e bebidas para os participantes e os seus acompañantes.
Esta andaina está organizada polo Concello de Ribeira xunto coa Asociación de Veciños de Carreira, e conta co apoio do Club Sachacamiños, Arousa Neo e Protección Civil e Policía Local de Ribeira. Ademais, forma parte da Liga Galega de Andainas da Federación Galega de Montañismo.