POLÍTICA DE RESERVAS

1.- DEFINICIÓN E FINALIDADE
Un refuxio de montaña é unha instalación deportiva destinada a facilitar pasar a
noite para a práctica do montañismo, para realizar actividades de formación das
distintas áreas que forman a Federación Galega de Montañismo (en adiante
FGM) e para as persoas federadas dos clubs pertencentes á mesma.
A finalidade da presente normativa de reserva céntrase no bo uso das
instalacións e a convivencia, como tamén na regulación doutros aspectos.

2.- REQUISITOS
Ao refuxio poderán acceder persoas de maneira individual ou en grupos, pero  será requisito indispensable que ao menos haxa un (1) FEDERADO/A en cada grupo e que polo tanto, as persoas que acedan de maneira individual
sexan tamén FEDERADAS.

3.- PROCEDEMENTO
1. Acceder ao portal de reservas na web da federación:
https://fedgalmon.gal/refuxios/
2. Elixir o refuxio no que se quere reservar
3. Cubrir o formulario cos datos requiridos
4. Ler e Aceptar o consentimento de política de privacidade
5. Formalizar o pago a través do portal de PayPal
6. Agardar pola confirmación de reserva vía e-mail

4.- REGULAMENTO
O resto de información e casos atenderan o establecido no “Regulamento de refuxios” 

Regulamento dos Refuxios

1. DEFINICIÓN E FINALIDADE

Un refuxio de montaña é unha instalación deportiva destinada a facilitar pasar a noite para a práctica do montañismo, para realizar actividades de formación das distintasáreas que forman a Federación Galega de Montañismo (en adiante FGM) e para as persoas federadas dos clubs pertencentes á mesma.

A finalidade do presente REGULAMENTO céntrase no bo uso das instalacións e a
convivencia, como tamén na regulación doutros aspectos.

2. USUARIOS/AS

Terán dereito a utilizar os refuxios:

    • Todas as persoas en posesión da LICENZA FEDERATIVA vixente e que así o acrediten, presentado esta xunto co seu DNI.
    • As persoas pertencentes a outras asociacións estranxeiras coas que existan
      acordos de reciprocidade/convenios nesta materia.
    • Todas as persoas en xeral que precisen das súas instalacións para desenvolver a súa actividade deportiva, a condición de que vaian acompañadas doutra persoa federada e que o refuxio non estea ocupado na súa totalidade por persoas federadas.
    • As persoas menores de idade, sempre que fosen acompañadas polos seus
      pais/nais, titores/as legalmente autorizados/as ou persoa autorizada sobre a
      que recaia a responsabilidade do menor de idade. Así mesmo, como nos casos
      anteriores, sempre cunha persoa federada.
    • As persoas que forman parte da Xunta Directiva da FGM, pola súa dedicación
      e traballo desinteresado, outórgaselles o dereito de utilizar os refuxios de forma gratuíta coas mesmas obrigas que o resto de persoas usuarias.
    • Entidades públicas ou privadas, previa solicitude á FGM.
    • As persoas voluntarias dos Refuxios de forma gratuíta, porque colaboran de
      forma desinteresada no mantemento dos Refuxios: xardinería, fontanería,
      electricidade, pintura, etc.

3. PERSOA VOLUNTARIA (gardián/á) PARA A CUSTODIA DO REFUXIO

É a persoa designada pola FGM como responsable do mesmo e que de forma
voluntaria accede a iso, actuando desa mesma maneira como GARDIÁ VOLUNTARIA
ou GARDIÁN VOLUNTARIO.

Representa a máxima autoridade no Refuxio e as súas instrucións, en canto ao
cumprimento deste Regulamento, deben de ser inescusablemente atendidas. Esta
persoa será a encargada de organizar o aloxamento, identificar ás persoas que
previamente foron inscritas a través da secretaría da FGM e que, desde esta mesma secretaría con anterioridade, notificáronlle que persoas teñen dereito á súa utilización.

4. IDENTIFICACIÓN E INSCRICIÓN

Á chegada ao Refuxio, toda persoa que realizase a inscrición para pasar a noite nel, previa reserva e pago, identificarase ante a gardiá ou gardián voluntaria/ou, exhibindo a documentación necesaria (DNI e licenza) que a acredite para usar o refuxio.
A reserva poderá realizarse de forma individual ou en grupo (Club, etc.). Para poder acceder ao Refuxio, identificarase unha a unha a todas as persoas usuarias. Esta información verificaraa a gardiá ou gardián voluntaria/ou, coa información recibida desde a secretaría da FGM a fin de que se lle dea acceso ao Refuxio.
Cando se realice a reserva facilitaráselle o número de teléfono da gardiá ou gardián, para pórse en contacto con ela ou el e informar da hora aproximada de chegada, para poder acceder ao refuxio. O horario máximo de recepción no refuxio é ás 22:00 horas.

5. DURACIÓN DE USO DO REFUXIO

Deixando a salvo os casos de forza maior, actividades de formación das escolas de Montaña ou outras especiais autorizadas pola FGM, non se poderán pasar máis de tres noites consecutivas no refuxio.

6. PRIORIDADES

  1. Persoas federadas con licenza B_IS.
  2. O resto de persoas federadas e/ou acompañantes das persoas federadas.
  3. Por orde de reserva e previo pago da achega económica á Federación polo uso do Refuxio.
  4. Entidades públicas ou privadas previa solicitude.

7. RESERVA, PAGO E CANCELACIÓNS

  • Deberá realizarse a reserva a través da web da FGM.
  • A reserva só será efectiva desde o momento que se comprobe o pago da reserva.
  • Os pagos realizaranse a través dos medios que facilite a páxina web. Pay Pal ou Tarxeta Bancaria.
  • Para poder acceder as persoas usuarias ao refuxio, o pago das reservas debe realizarse cun mínimo de 72 horas antes da entrada ao refuxio. No caso de que esas 72 horas coincidan con sábado, domingo, festivo de ámbito local, autonómico ou nacional, deberá realizarse con 24 horas antes a esa festividade.
  • No caso de quedar prazas vacantes, poderase realizar a reserva ata as 16:00 horas dos dous días hábiles antes da pernoita.

DEVOLUCIÓNS:

  • Non se devolverá o diñeiro das reservas baixo ningún pretexto.

Non se permitirá ampliar o tempo de estancia no refuxio, salvo que fose realizada esa ampliación no período de reserva e que o pago se realice nas condicións indicadas anteriormente.

8. NORMAS XERAIS DE UTILIZACIÓN DE USO REFUXIOS

Ao ser o Refuxio unha instalación de uso compartido, todas as persoas usuarias deberán pór o máximo de interese no seu coidado, conservación e aproveitamento, quedando EXPRESAMENTE PROHIBIDO:

  • a. Utilizar outras fontes de calor e iluminación que non sexan as propias da
    instalación.
  • b. Cociñar e utilizar utensilios para cociñar como fornos ou cociñas eléctricos ou de gas fóra dos espazos destinados para iso.
  • c. Permanecer nos dormitorios despois das 10:00 h. da mañá.
  • d. Realizar ruídos molestos. Non se permitirán ningún tipo festas e/ou
    celebracións.
  • e. Fumar dentro de calquera espazo do Refuxio.
  • f. O consumo de alcol e de estupefacientes dentro de calquera espazo do refuxio.
  • g. Desprazar mobles ou outros elementos do seu sitio habitual.
  • h. Acceder aos dormitorios con calzado e material de montaña, debéndose
    colocar estes en o lugar adecuado.
  • i. A utilización de toda clase de aparellos sonoros que puidesen molestar ao resto de persoas usuarias.
  • j. Por motivos de saúde, seguridade e hixiene, queda prohibida a entrada de
    calquera tipo de animais.
  • k. Entrar ou permanecer no Refuxio fóra do tempo que consta na reserva.
  • l. Non se permitirá a entrada ao Refuxio a persoas que non realizasen a reserva previamente. Serán responsables diso aquelas usuarias que permitisen o seu acceso.
  • m. Nos Refuxios da Seara e Albite que teñen zona verde ao redor, non se poderán facer fogueiras, e respectarase a súa contorna de fauna e flora.

Así mesmo, como NORMAS DE BOA CONVIVENCIA E RESPECTO cara aos demais,
deberase:

  • a. Gardar absoluto silencio desde as 23:00 horas da noite até as 8:00 horas da mañá, efectuándose todas as entradas e saídas ao refuxio co máximo coidado.
    As entradas ao refuxio tras unha actividade que exceda os horarios de silencio debe facerse con especial coidado para non molestar ao resto de persoas usuarias.
  • b. Deixar as zonas comúns, salóns, habitacións, etc. cunha mínima orde e
    limpeza, así como todos os efectos utilizados, perfectamente limpos e recolleitos. Así mesmo se se fai uso de material tipo libros, revistas ou calquera outro material que exista no refuxio, debe deixarse tal e como se atopa e pondo máximo coidado na súa utilización e conservación para que outras futuras persoas usuarias poidan gozar deles.
  • c. Respectar todas as normas de seguridade expostas no Refuxio.
  • d. Máxima atención ás indicacións de emerxencia e evacuación xunto cos
    sistemas de prevención e protección de incendios.
  • e. Recoller todos os lixos e desperdicios xerados, depositándoos en bol-sas
    plásticas, que se deberán retirar do refuxio, transportándoas unha vez
    abandonado este, até un punto habilitado de recollida de lixos.
  • f. Deixar cun mínimo de orde e limpeza as zonas de aseo persoal, duchas e
    baños.
  • g. Comunicar á gardiá/gardián e á FGM, toda deterioración que se observe ou que se produza.
  • h. Ao marchar, comprobar que quedan as billas pechadas e as luces e calefacción apagadas.

Todas estas normas son para que todas as persoas usuarias poidan gozar da
instalación comodamente, coma se do seu fogar tratásese tendo o mesmo coidado e respecto.

FEDERACIÓN GALEGA DE MONTAÑISMO

Rúa Fotógrafo Ksado, 17
Oficina 10
36209 Vigo

T. 986 208 758
secretaria@fedgalmon.gal

Urxencias: 626 975 990

 

HORARIO

Luns a venres: 08:00 a 15:00 h.
Os martes e mércores ademáis: 16:00 a 19:00 h.

Agosto: Cerrado

ATENCIÓN TELEFÓNICA

Luns a venres: 10.00 a 14.00 h. e martes e mércores 16:00 a 19.00 h.