Próxima cita o día 21, sobre un trazado durísimo de 27Km e preto de 2100 m de desnivel positivo, que lanzará os resultados definitivos destas probas de selección.

¡¡É día 21 de marzo por fin!!

E eu, seleccionador, pero tamén corredor de CxM, téñolles preparada unha bonita sorpresa en forma de “oito”, con dous bucles infernais de 1000+ cada un, nunha distancia que finalmente roldou o 26Km. Bucle de cuxo deseño tiveron moita culpa os nosos amigos do Club GTR, sen a axuda dos cales estas dúas probas dificilmente terían transcorrido con tanta solvencia. Grazas.

O día amanece outra vez como un agasallo caído do ceo, nin unha soa nube no horizonte, aínda que frío, moi frío.

A saída está programada para as nove en punto da mañá, e @s corredor@s volven dar un exemplo de puntualidade, chegando na súa maioría con tempo suficiente para prepararse e quentar ben para o que se lles ven encima.

¡¡Nove menos cinco!! Primeira chamada á orde, debemos colocarnos na saída con distancia de seguridade e máscara, e debemos ser puntuais, @s voluntari@s están xa dispostos nas posicións asignadas e o reloxo debe ir igual para todxs, queremos ter control sobre os tempos de paso por diferentes puntos do percorrido.

Arrinca a proba coas mesmas mozas que a anterior, excepto Jana, que está con algún problemilla de saúde e me avisou días antes, prefire non forzar. Corre como convidada Fabiola Salgado, cadete de tan só 15 anos e compoñente do grupo de tecnificación en CxM da Federación Galega de Montañismo, con idea de facer o primeiro bucle con elas.
Entre os mozos un invitado tamén, Iván Sangiao, que días antes compartía Km comigo e algunha xente máis, e ao que considero debo dar a oportunidade de facelo. O resto exactamente igual que na proba anterior. ¡¡Arrincamos!!!

Saen diante os mozos que, desde o principio, con Marcos Naya na cabeza, impoñen un ritmo bestial, que nos fai pensar que poderían baixar bastante do tempo de carreira estimado.
Durante o transcurso do primeiro bucle van alternando posicións, pero non será ata despois do punto “intermedio” cando realmente a carreira se ordene por selección natural.
Un segundo bucle que lles enfronta a dúas subidas moi potentes e unha baixada durísima… e que termina por ordenarlos, demostrando Elpidio Gómez e Esteban Díaz que, neste momento, son os dous corredores máis en forma do panorama galego.

Por detrás deles un Emilio “Milo” Montilla que da unha auténtica lección de xestión do esforzo, indo de menos a máis, e Samuel Saborido, un que nunca falla nas citas importantes.
En mozos a carreira transcorre sen ningún incidente.
¡¡As mozas!!!

Carrera preciosa tamén, cunha Alina Cimpean que se xoga todo a unha carta e decide poñer contra as cordas ás favoritas xa desde o principio, destacándose na baixada máis longa do percorrido e mantendo ese primeiro lugar ata ben pasado o ecuador da carreira.

Silvia Casal e María Ferreiro, a priori as dúas mozas máis fortes na actualidade, controlan desde atrás os movementos de Alina, pero non teñen máis remedio que espremerse ao máximo para darlle caza e terminar impoñéndose en meta.
O resto das mozas, non todas, pelexan coa dureza do percorrido e con algún que outro descoido coas marcas do camiño, vivindo algún momento de desconcerto que termina por quedar en susto, aínda que coa frustración propia de non poder facelo todo o ben que deberían.

Non vos preocupedes, nada que non se teña en conta e se analice.

En meta Silvia Casal demostra que, sobre este tipo de terreo e nesta distancia, agora mesmo non ten rival. Pero María Ferreiro, a escasos cinco minutos, e Alina Cimpean, un minuto e medio detrás de María, deixan claro que a cousa este ano non vai estar nada fácil.

Podería facer outra crónica contando o ambiente incrible que se volveu a vivir nestas dúas xornadas, o comportamento exemplar de todxs e cada un dos corredorxs, o cumprimento estrito do protocolo COVID (ninguén máis que xs voluntarixs no percorrido) e o agradecemento infinito aos compañeiros, e amigos, do Club GTR Galaico Trail Run, sen os cales sería moi complicado sacar adiante todo isto.

Agora a miña intención é competir en polo menos catro probas das cinco que compoñen a Copa de España de CxM, así como no Campionato de Seleccións Autonómicas e no Campionato de Ultra.
A selección para a primeira proba estará composta por Elpidio Gómez e Esteban Díaz, en homes, e por Silvia Casal e María Ferreiro en mulleres. Será o próximo 18 de abril en Sevilla, na Penedo Extreme, sobre un percorrido de 21Km e 2100+.

Resaltar tamén que, por primeira vez na historia da FGM, a estxs catro corredorxs acompañaranlles 2 cadetes, Xián Novoa e Fabiola Salgado, pertencentes ao noso grupo de tecnificación, e que empezan a súa andaina neste mundo.

Grazas a todxs por estar aí detrás, e á Federación Galega de Montañismo por outorgarme plena confianza na miña forma de facer as cousas.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

FGM 2020