Estapasada fin de semana a FGM celebrou o III Encontro de Alpinismo Galego, esta vez en Peñas de Prao. Unha xuntanza para recordar que o alpinismo tamén se fai na rocha de aventura, e onde quedou claro que o importante é o encontro e o convivio das persoas, alén do coñecemento e recoñecemento do alpinismo que se está a realizar.
O tempo non axudou, pola súa inestabilidade, máis permitiu desenvover todas as actividades porpostas e, aínda que con algo de vento e algunha molladiña, escalar vías nas magníficas paredes de Peñas de Prao. Realizáronse os obradoiros dirixidos por técnicos da EGAM e, como novidade, os seminarios de Petzl que tiveron unha resposta magnifica e nos que aprendimos algunhas características fundamentais do material que usamos.
O acto central foi a cea do sábado no restaurante Ezequiel, alí tivemos o encontro informal entre todos e todas os asistentes e fixemos entrega dos IV PREMIOS DO ALPINISMO GALEGO que a FGM concede en tres categorias diferentes, este ano resultaron premiados:
MELLOR ACTIVIDADE:a Gonzalo Fernandez Garcia
Pola ascensión o Gasherbrum II de 8035 metros sen porteadores de altura, e sen oxixeno o verán de 2021 nas montañas do Karakorum en Pakistán. Con tan so 29 anos, e sendo a primeira expedición a un cumio de oito mil metros.
MELLOR PROMOCIÓN:á Asociación de Escaladores Ourensáns (ASESOU)
Polo seu traballo de promoción do Alpinismo desde a Vocalía e pola aposta pola formación e as axudas para iniciarse e para desenvolver proxectos persoais de alpinismo, alén de axudas á tecnificación.
MELLOR TRAXECTORIA:a Jesús e José Antonio Martínez Novás
Dous dos mellores alpinistas galegos sen dúbida, comezaron moi novos rompendo pitóns en Budiño e abrindo fendas na Peneda, pero destacaron rapidamente…. Aínda hoxe son os alpinistas galegos con máis 8000 no seu palmarés. Viaxeiros incansables por multiples montañas e paredes, despois de pasar un tempo no lombo do Aconcagua e de subilo varias veces, incluida a 1ª mundial en 35h á terrorifica Sur do Aconcagua, dan o salto ao Himalaia, Jesus en 1996 fai cumio no Everest e logo desenvolverían ese proxecto enorme que nos deixaría a todos coa boca aberta: Galicia Desafío 8000, coa idea de escalar os 14 cumios de 8000 mts nun ano, non conseguiron o reto porque era unha misión case imposible, pero fixeron 5, primeira vez na historia do himalaismo no que se conseguía ese fito: Dhalaugiri, Cho-Oyu, GI, GII e Broad Peak, sempre sen osíxeno e en técnica alpina, e non contento Jesús volve no ano 2000 e sobe o Lhotse en solitario e sen osíxeno.
Isto só son algúns dos éxitos destes alpinistas galegos fundamentais na nosa historia, pero faltan outros e aquelas historias nas que o éxito só é persoal, sen recoñecemento, que é o cerne do alpinismo.
Este III Encontro de Alpinismo Galego tivo moitas máis cousas, pero o mellor sempre é a súa xente, os alpinistas galegos coñecémonos, compartimos e colaboramos, sen a participación de moita xente estes encontros non serían posibles, todo o mundo pon o seu grao de area, desde a organización ata a última participante, por iso merecen a pena.
Grazas a Terra, Cume Norte, Petzl, Boreal, Cota Cero, Endorfinas, Inercia… sempre estades e sempre colaborades e toda a FGM quere agradecérvolo.