MARCHA NÓRDICA

O deporte do Nordic Walking ou Marcha Nórdica é unha actividade física que incorpora o uso activo duns bastóns específicos á forma natural de camiñar para así impulsar o corpo cara adiante. Integra a actividade da parte inferior e superior do corpo, mentres respecta en todo momento as características biomecánicas da marcha humana e unha correcta aliñación articular.

A Marcha Nórdica é unha actividade física segura e eficaz que traballa o corpo de forma simétrica e equilibrada co obxectivo de mellorar o benestar físico e emocional de quen o practican.

A Marcha Nórdica pode ser practicada durante toda a vida, dende a infancia ata a terceira idade e é adaptable ás características físicas individuais. Pode adaptarse a distintas contornas (familiar, educativo, social, laboral ou sanitario) e con diferentes fins:

Saúde: promoción de hábitos de vida activos, control, tratamento e rehabilitación de patoloxías.

Fitness: mellorar a condición física.

Deporte: mellorar o rendemento deportivo.

Os beneficios derivados da práctica regular da Marcha Nórdica quedan supeditados á realización dunha técnica correcta que evite xestos lesivos e posturas forzadas ou esaxeradas. Recoméndase por iso aprender a técnica da man dun profesional do exercicio que ademais estea especializado na marcha nórdica.

 

HISTORIA

 

Ten a súa orixe nos anos 30 en Finlandia, cando os esquiadores de fondo utilizaban os seus bastóns como parte do adestramento fóra da tempada de neve. O primeiro uso documentado de camiñar con bastóns fóra do ámbito deportivo data da década de 1960 na que unha profesora de educación física, Leena Jääskeläinen, introdúceo primeiro nunha escola de Helsinki e despois na Universidade de Jyväskylä (Finlandia). E foi nesa época cando pronunciou a famosa frase “este será o deporte do futuro”.

A finais dos 80 celébranse as primeiras camiñadas públicas con bastóns en Finlandia da man de Tuomo Jantunen, director do Instituto Finlandés de Deporte e Actividades Recreativas e nos 90 realízanse as primeiras investigacións científicas.

Xa entrados os 90 o Instituto Finlandés de Deporte e a marca comercial EXEL propoñen o nome de “Nordic Walking” para o seu uso internacional e en 1997 sae á venda o primeiro par de bastóns fabricados especificamente para realizar esta actividade. Dende entón, a marcha nórdica practícase con bastóns especiais que se engaden á forma natural de camiñar.

No ano 2000 fúndase a denominada Federación Internacional de Nordic Walking, máis coñecida polas siglas INWA. Dende o 2016 esta disciplina queda recollida no campo deportivo español dentro dos deportes da FEDME (Federación Española de Deportes de Montaña e Escalada), facéndose extensivo o seu ámbito ás Federacións territoriais das comunidades autónomas.

TÉCNICA

A denominada técnica diagonal ou tradicional é a máis estendida no mundo e sobre a que se realizaron a maior parte dos estudos científicos. Inicialmente descrita pola INWA é difundida pola Rede de Instrutores INWA seguindo a Metodoloxía dos 10 Pasos.

A técnica diagonal incorpora o uso activo duns bastóns específicos á forma natural de camiñar e baséase en tres alicerces fundamentais: postura, patrón de marcha correcto e uso correcto dos bastóns. É unha técnica que evita xestos potencialmente lesivos garantindo unha correcta aliñación articular e xa que logo minimizando o risco de lesión.

Á hora de practicar Marcha Nórdica a técnica empregada determinará a cantidade e calidade dos seus beneficios. É por iso determinante que un bo profesional do exercicio saiba identificar posibles xestos lesivos para poder ensinar unha técnica segura e eficaz.

O obxectivo principal para a consecución de beneficios asociados á práctica da marcha nórdica é o da seguridade dos seus practicantes.

 

BENEFICIOS

A práctica regular da Marcha Nórdica leva aparellados beneficios fisiolóxicos e psicosociais. Esta actividade física é así mesmo empregada, baixo supervisión profesional especializada, en procesos de rehabilitación e control de diversas patoloxías.

Cabe destacar que a práctica totalidade dos estudos científicos están realizados utilizando a técnica diagonal que respecta a forma natural de camiñar e é a máis estendida internacionalmente.

Algúns dos beneficios máis relevantes da práctica regular da marcha nórdica:

  • Incrementa a capacidade cardiopulmonar
  • Aumenta o consumo de calorías
  • Libera tensión do pescozo e dos ombreiros
  • Favorece a prevención de dores de costas, osteoporose, enfermidades do corazón, asma, derrames cerebrais etc.
  • Mellora os síntomas de pacientes con fibromialxia, dor lumbar, claudicación intermitente, cancro, diabetes, artrite, cardiopatías, Párkinson e enfermidades respiratorias entre outros.
  • Está indicado para previr e/ou controlar o linfedema.
  • Está indicado como intervención eficaz en adultos maiores
  • Pode contribuír a reforzar o sistema inmunitario.
  • Mellora o estado psicosocial de pacientes con depresión ou estrés.
  • Mellora a capacidade funcional e a calidade de vida.

FEDERACIÓN GALEGA DE MONTAÑISMO

Rúa Fotógrafo Ksado, 17
Oficina 10
36209 Vigo

T. 986 208 758
secretaria@fedgalmon.gal

Urxencias: 626 975 990

 

HORARIO

Luns a venres: 08:00 a 15:00 h.
Os martes e mércores ademáis: 16:00 a 19:00 h.

Agosto: Cerrado

ATENCIÓN TELEFÓNICA

Luns a venres: 10.00 a 14.00 h. e martes e mércores 16:00 a 19.00 h.