A Federación Galega de Montañismo quere expresar o seu recoñecemento e agradecemento a Paio Xosé Álvarez López polo labor desenvolvido como Seleccionador Galego de Escalada, así como pola súa contribución ao crecemento e fortalecemento da escalada galega de competición, especialmente no ámbito das categorías de base.

Durante a súa etapa á fronte da selección galega, impulsou e coordinou diferentes accións de tecnificación, adestramento e seguimento deportivo, favorecendo a mellora do rendemento, da formación e da evolución técnica dos e das deportistas participantes nos programas federativos.

Por decisión persoal, Paio decidiu pechar esta etapa á fronte da Selección Galega de Escalada, poñendo fin a un período de traballo, compromiso e dedicación ao desenvolvemento deportivo da nosa disciplina. Non obstante, continuará exercendo as súas funcións como seleccionador ata a celebración do Campionato de España de Seleccións Autonómicas (CESA), garantindo así a continuidade deportiva e técnica durante este período.

Paralelamente, a Federación Galega de Montañismo iniciou xa o proceso de procura dun novo ou nova Seleccionador/a Galego/a de Escalada, co obxectivo de asegurar unha transición ordenada e a continuidade do proxecto deportivo da selección.

O desempeño dun cargo técnico federativo abrangue, ademais do traballo directo co deportista, múltiples responsabilidades relacionadas coa planificación deportiva, a programación de actividades, os procesos de selección, a coordinación técnica e a relación con clubs, familias, persoal adestrador e demais axentes implicados no desenvolvemento deportivo. Un labor constante e complexo, fundamental para o funcionamento e consolidación dunha estrutura deportiva de rendemento, e que en moitas ocasións non resulta visible de cara ao exterior.

Dende a FGM queremos poñer en valor a dedicación, profesionalidade, formación e compromiso demostrados por Paio ao longo desta etapa, así como a súa implicación coa escalada e cos valores do deporte e da montaña.

A Federación Galega de Montañismo agradécelle o traballo realizado e deséxalle os maiores éxitos nos seus futuros proxectos persoais e profesionais.


Descubre máis desde Federación Galega de Montañismo

Subscríbete para recibir as últimas entradas no teu correo electrónico.

Federación Galega de Montañismo
Resumen de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase na túa navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo a comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.

Maís info sobre a nosa Política de Privacidade