Na Federación Galega de Montañismo traballamos cada día para atender do mellor xeito posible a todas as persoas deportistas das moitas modalidades que conviven dentro da nosa entidade.
Para nós, todos os deportistas sodes igual de importantes, independentemente da modalidade que practiquedes, de se competides ou non, do voso palmarés ou do nivel de rendemento. A montaña é grande dabondo para todas e todos.
Do mesmo xeito, todos os clubs teñen o mesmo valor para a Federación. Cada un deles é unha peza fundamental da comunidade montañeira galega.
Pero para que todo o que acontece no noso deporte chegue máis lonxe, precisamos tamén da vosa colaboración. Cando vaiades gozar da montaña, competir, formarvos ou organizar actividades e eventos, convertédevos nos nosos reporteiros e reporteiras.
Desde a Federación non sempre podemos dedicar o tempo necesario a buscar toda esa información, pero se nola enviades, nos etiquetades ou a compartides connosco, estaremos encantados de darlle visibilidade e ser o voso altofalante.
Lembrade tamén que non só traballamos en Instagram: tamén difundimos contidos noutras redes sociais, en YouTube e na nosa web.
Porque xuntas e xuntos somos máis e máis fortes, pero para chegar máis lonxe debemos camiñar cara ao mesmo cumio.
Grazas por formar parte da Federación Galega de Montañismo.