O pasado mes de decembro, a Federación Galega de Montañismo (FGM) cunha Xunta Directiva recen renovada, decidiu presentar alegacións ao proxecto de decreto “Polo que se modifica o Decreto 211/1996, do 2 de maio, polo que se aproba o Plan de ordenación dos recursos naturais do espazo natural das Fragas do Eume e polo que se aproba o Plan reitor de uso e xestión do parque natural Fragas do Eume,” posto que considerabamos que afectaba de xeito considerable á práctica de distintas modalidades de deportes de montaña.

Para elo, as Vogalías de Accesos e Escalada no Medio Natural, Seguridade e Sendeiros e a Asesoría de Medio Ambiente traballaron conxuntamente, contando coa colaboración e asesoramento da Área de Medio Ambiente da FEDME e de Escalada Sostenible Galicia, na preparación de alegacións para as distintas modalidades deportivas de montaña que víanse limitadas ou prohibidas na proposta de redacción do PRUX.

Unha vez recibidas as notificacións de resposta, a FGM amosa a súa satisfacción pola boa acollida das propostas feitas nas alegacións e as respostas razoables, ao considerar que agora se permitirán e regularán as prácticas deportivas dun xeito compatible coa conservación dos valores naturais do Parque Natural das Fragas do Eume.

Non obstante, agardaremos a contar co texto normativo definitivo para a difusión destas regulacións do mesmo xeito que estamos a preparar documentación que oriente a clubes e deportistas sobre os contidos e distintos trámites administrativos da normativa de aplicación en espazos naturais protexidos.

A actual directiva da Federación Galega de Montañismo aposta firmemente pola divulgación e difusión dunha práctica deportiva respectuosa co medio natural, sempre compatible coa conservación da natureza e sendo conscientes da fraxilidade dos ecosistemas no actual escenario de cambio global e da necesidade de concienciación no eido dos deportes de montaña e escalada. Amosamos a nosa disposición a colaborar e a asesorar naquelo que podemos ser especialistas, coma por exemplo no deseño de sendeiros, e a aprender de xeito continuo para protexer as contornas naturais nas que desenvolvemos as nosas actividades: a nosa razón de ser.