Finalmente podemos pornos no ordenador e contarvos a pequena crónica da tecnificación en Alpes deste verán co ENAG.
Xuntámonos en Chamonix varios Programas de Tecnificación de Equipos de Alpinismo Autonómicos de toda a península, nun esforzo persoal por manter a comunicación entre os técnicos e a relación entre os rapaces e rapazas que enriquece sempre todo o traballo relizado.
Parece que está cada vez máis claro que a retroalimentación cobre un principio fundamental no alpinismo, reforza e potencia todo o relaciónado co aspecto mental e abre novos parámetros de posibilidades de aventura que, por nós mesmos, nos levaría máis tempo abranguer.
Foron uns días de moi boa climatoloxía pero cunhas condicións moi xustas en todas as actividades de altura, e con moitas rutas normais clausuradas pola perigosidade extrema de caída de xeracs ou de pedras, así como cos glaciares moi abertos con fendas difíciles de pasar, porén fomos escollendo aquilo que consideramos máis seguro e realizamos bastante actividade, ás veces en común e outras mesturados co resto dos equipos que nos atopabamos en Chamonix.
Comezamos aclimatando no contorno do val Branco, na travesía das Puntas Lachenal, aresta de Laurence ou na normal ao Mont Blanc de Tacul. Continuamos a aclimatación na preciosa aresta Midi-Plan e cruzamos o glaciar do Géant, en moi malas condicións, para subir ao vivac da Fourche a pasar á noite e escalar, ao día seguinte, a aresta Kuffner ao Mont Maudit, en condicións bastante xustas tanto no corredor de entrada como nalgunhas partes da aresta. Outras actividades foron máis dirixidas á escalada en rocha en altura, A preciosa vía Contamine ás puntas Lachenal e outras na cara súr da Aiguille du Midi como a Baquet-Rébuffat ou a Kohlman.
Este verán en Alpes, o segundo para este equipo, supuxo un valor de actividade importante en detrimento do formativo que xa tiñamos realizado no 2021, máis puxemos en práctica toda a formación realizada previamente en terreo real. A experiencia sempre un elemento importante no alpinismo.